Poio xestiona un aparcadoiro disuasorio nas inmediacións de Anafáns

Poio
10 de febreiro 2023

O espazo estará operativo durante o desenvolvemento da mellora da contorna do Adro e A Porteliña e, previsiblemente, tamén unha vez que comece a urbanización das proximidades do Centro de Saúde

Traballos para habilitar unha parcela como aparcadoiro
Traballos para habilitar unha parcela como aparcadoiro / Concello de Poio

O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás, informa de que o Concello de Poio pon a disposición da veciñanza un aparcadoiro disuasorio nas inmediacións de Anafáns. 

Este espazo emprázase nunha parcela moi próxima á intersección da PO-308 coa vía de acceso ao centro de saúde. 

Este terreo poderá ser utilizado mentres duren as obras de rehabilitación que se están a acometer na contorna da Rúa do Adro e da Porteliña, iniciadas hai xa uns días.

"Este é o segundo aparcadoiro que xestionamos para ofrecer ás persoas residentes un lugar no que estacionar mentres se desenvolvan os traballos", indica Casás Barral, que agradece a colaboración dos propietarios destes terreos.

O titular de Obras e Servizos Municipais indica, ademais, que, no caso deste segundo aparcadoiro, a intención é que siga operativo tamén unha vez que comece a rehabilitación proxectada na contorna do centro de saúde de Anafáns. 

Neste caso, os traballos, que se financian a través de fondos da Deputación de Pontevedra, centraranse na dotación de espazos para peóns, a ampliación da vía e a dotación de prazas de aparcamento. "Estamos a falar dun proxecto que suporá un cambio substancial nun emprazamento chave, ao atoparse o centro de saúde e tamén numerosas vivendas e negocios", apunta Julio Casás.

Tanto esta actuación como a que xa se está a realizar en Adro-Porteliña servirán "para mellorar notablemente a calidade de vida da veciñanza nun dos núcleos máis habitados da parroquia de San Salvador".