A asociación Ronsel en colaboración co Concello de Poio organiza para este venres 23 unha sesión de recollida de herbas de San Xoán, unha tradición que se foi recuperando co paso dos anos e que xa leva un lustro organizándose a través deste colectivo.
Alfonso Villanueva, Elena Barral, de Ronsel, e a concelleira de Festas, Lidia Salgueiro, presentaban este mércores esta actividade que se vai desenvolver o día 23 a partir das 20.00 horas.
A comitiva partirá da praza de Arís e vai dividirse en dúas rutas baixo a dirección de dous veciños de Poio, expertos nestas herbas curativas. Pilar Martínez e Manuel Barreiro acompañarán aos grupos polas zonas de Arís e Sartal e amosarán as diferentes especies que se poden recoller nesta contorna con explicacións sobre as súas propiedades.
Na edición de 2016 participaron máis de cen persoas nesta actividade de balde na que o único que se pide é portar un cesto ou unha bolsa e tesouras para levar a cabo a recollida.
Alfonso Villanueva explicaba que a tradición sinala que, unha vez recollidas, hai que deixalas repousar en auga de sete fontes para, na mañá de San Xoán, lavarse a cara co líquido, que cura os males da pel. Elena Barral indicaba que antigamente tamén se empregaba o ramillete das herbas secas para afumar os defuntos.
Este ano, a actividade conta tamén cunha versión para rapaces a través dun obradoiro que se inicia a partir das 19.00 horas na Escola Unitaria de Sartal.