A seguridade na estrada PO-308 é unha preocupación compartida entre Poio e Sanxenxo, os dous municipios que atravesa este vial de titularidade autonómica. E, a este respecto, Poio traballa xa en varias actuacións de humanización para seguir a senda marcada por Sanxenxo.
Así, o goberno municipal presentou á Xunta de Galicia un anteproxecto "moi similar" ao que se está executando en Portonovo, segundo avanzou o alcalde, Ángel Moldes.
Supoñería converter nun bulevar urbano o tramo da PO-308 que vai desde o seu inicio na ponte da Barca ata as inmediacións da gasolineira de San Xoán.
Esta actuación sumaríase, lembrou Moldes, ás comprometidas entre Combarro e Samieira, por unha banda; e entre Fontenla e Combarro, por outro.
"Temos que humanizar máis esta estrada", subliñou o alcalde de Poio, que apostou por seguir avanzando cara a esa senda "falando e acordando os proxectos", xa que lembrou que a PO-308 "xera moito negocio" en todo o municipio.
Ademais, con respecto ao "problema concreto" que presenta este vial en Combarro, o alcalde mostrouse partidario de estudar unha "rolda urbana" que traslade todo o tráfico directamente cara a Chancelas, para evitar os atascos en torno ao núcleo histórico.
Non sería, en todo caso, "un corredor na falda do monte", xa que segundo Ángel Moldes unha vía de alta capacidade "estrangularía" o crecemento do municipio, xa que ao non poder seguir ampliándose cara á costa "a nosa forma de crecer é cara arriba".