Poio terá no outono o seu propio concurso de tapas: "Tapea Poio"

Poio
30 de abril 2024

O goberno local porá en marcha este ano: "Tapea Poio", un Foro de Emprendemento para aproveitar as oportunidades das Variantes Xacobeas, unhas Xornadas da Ameixa en torno á Festa homónima de Campelo ou formación en idiomas específica para os profesionais do sector

Reunión con representantes do sector hosteleiro
Reunión con representantes do sector hosteleiro / Concello de Poio

A concelleira de Turismo e Urbanismo do Goberno de Poio, Rocío Cochón, mantivo un encontro informativo con empresarios da hostalaría do municipio para analizar a situación dos seus negocios, estudar as demandas e necesidades dos profesionais, e dar a coñecer algunhas das propostas do goberno local para dinamizar o sector.

Durante o encontro, que tivo lugar no Casal de Ferreirós, Cochón trasladou algunhas das propostas do goberno local para dinamizar o sector en 2024, como a organización, en outubro deste ano do primeiro Certame "Tapea Poio",  un concurso de tapas para toda a hostalería do municipio.

Tamén quere organizar un Foro de Emprendemento no Camiño, unha xornada técnica que terá lugar en xullo para achegar a empresarios, profesionais e potenciais emprendedores as oportunidades de negocio que presentan as variantes xacobeas ao seu paso por Poio.

Así mesmo, nas próximas semanas, poranse a disposición dos empresarios e traballadores de hostalaría, hospedaxe e outras empresas do sector formación en inglés turístico, unha demanda constante do sector que ademais servirá para reforzar a estratexia de internacionalización de destino emprendida desde a concellería.

Cochón tamén trasladou a aposta do goberno local polo turismo natural, cunha estratexia de posta en valor dos sendeiros azuis e outros paraxes naturais do municipio, que se presentará ao sector da hostalería para acadar a máxima colaboración.

Outra das iniciativas que se porán en marcha este ano son as Xornadas da Ameixa, que buscarán recuperar o protagonismo da ameixa na gastronomía do Concello nas datas nas que se celebra a festa deste produto en Campelo.

Cochón subliñou ademais que os hostaleiros poderán axudar a deseñar como se executarán estas iniciativas, mediante enquisas en liña e consulta directa sobre as actividades, como prezo, horario ou modalidades. Para isto, durante a reunión trasladóuselle aos asistentes códigos QR e se lles facilitou a incorporación a un rexistro con todos os establecementos de hostalaría locais.