Poio subvenciona proxectos de dez asociacións que fomenten a igualdade e preveñan a violencia machista

Poio
24 de abril 2024

A Xunta de Goberno resolveu conceder as axudas ás asociacións Mulleres en Igualdade, Mulleres Rurais Santa Trahamunda, Arela, Mulleres do Mar de Poio, AAVV de Lourido, AAVV de Campelo, AAVV O Bao de San Salvador, AAVV A Laxe de Raxó, Mulleres Progresistas de Poio e Airiños do Mar.

Casa do Concello de Poio
Casa do Concello de Poio / PontevedraViva

O Concello de Poio subvenciona proxectos de dez asociacións locais para fomentar a igualdade de oportunidades e previr a violencia machista. Estas axudas foron acordadas na Xunta de Goberno desta semana e ascenden a 1.000 euros por asociación. 

Segundo explica a edil de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, permitirán apoiar programas e actividades que promovan a igualdade e melloren a calidade de vida das mulleres de Poio e, ao mesmo tempo, fortalecer e consolidar o movemento asociativo potenciando a participación social. 

"Para nós é un obxectivo prioritario contribuír a dinamizar, axudar e dar visibilidade á labor que realizan as asociacións de mulleres do noso municipio", destaca.

Deste xeito, as axudas concédense ás asociacións Mulleres en Igualdade, Mulleres Rurais Santa Trahamunda, Arela, Mulleres do Mar de Poio, AAVV de Lourido, AAVV de Campelo, AAVV O Bao de San Salvador, AAVV A Laxe de Raxó, Mulleres Progresistas de Poio e Airiños do Mar. 

Entre os proxectos subvencionados inclúense Campelo en igualdade, co que se formará unha illa con nomes das mulleres que foron referentes neste lugar e que deixaron a súa pegada na sociedade; entrega dos premios Mulleres do Ano, con motivo do 8M; actividades que faciliten a conciliación; así como cursos e actividades lúdicas e culturais ao longo do ano.