O alcalde de Poio, Luciano Sobral, mantivo este mércores unha reunión co responsable da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na que se abordou a situación da PO-308 ao paso polo municipio.
O encontro, no que tamén estiveron presentes a tenente de alcalde e responsable de Obras, Chelo Besada, e o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, así como o enxeñeiro municipal, foi aproveitado polos representantes o goberno local para solicitar a instalación dun paso de peóns na recta do Laño, na parroquia de Samieira.
Esta solicitude xa figuraba no paquete de alegacións que Poio presentou no seu día ao proxecto desenvolto pola Xunta de Galicia para reformar a PO-308 no tramo que vai desde Covelo (Samieira) ata o núcleo de Raxó.
Os dirixentes municipais tamén trasladaron ao responsable da Axencia Galega de Infraestruturas a necesidade de acometer unha actuación no cruce da PO-308 co Camiño Salgueiral, na mesma zona, para garantir a seguridade peonil.
Os traballos de mellora para facilitar a incorporación de vehículos á estrada principal desde esta vía secundaria provocaron a supresión de zonas para viandantes, polo que tanto o alcalde como o resto de integrantes do Goberno local presentes na reunión insistiron na necesidade de dotar á contorna dun espazo para peóns. Unha das opcións propostas foi trasladar a parada de autobús situada nas proximidades.
Ademais, na reunión tamén se falou do proxecto que a Xunta prevé desenvolver para reforzar a seguridade viaria no tramo que vai desde a rotonda do Remo, na parroquia de San Xoán, ata a entrada do núcleo de Combarro. Prevese que as obras dean comezo o vindeiro ano.