O Concello de Poio solicita autorización a Costas do Estado para repoboar a praia de Cabeceira.
A análise do terreo elaborada pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, a petición da administración local, establece que tendo en conta o tipo de solo, as condicións costeiras e os ventos dominantes de suroeste, as especies recomendadas para este lugar son cerquiño, loureiro, sobreira, metrosidero ou melaleuca, cun marco de plantación non inferior a 10x10 metros e empregando planta con calibre máximo 12-14.
O Concello de Poio enviará unha copia deste documento a Costas para que analice o documento e autorice a rexeneración da praia da Cabeceira nuns terreos que son da súa competencia por estar situadas en dominio público.
Para garantir a seguridade na zona tras a caída dunha árbore nesta praia, o Concello de Poio solicitou tamén ao Areeiro unha análise de todos os árbores que había neste lugar.
O informe se remitiu a Costas, e os técnicos achegáronse á praia para analizar e marcar un por un, sobre plano, os exemplares que había que talar para, deste xeito, garantir a seguridade en toda a zona e evitar riscos de máis caídas.
O alcalde Ángel Moldes agradece a colaboración entre as diferentes administracións para ofrecer unha solución que garanta a seguridade nunha praia con moitos usuarios tanto en época estival como no resto do ano coas mariscadoras, e indicou que unha vez reciban a autorización de Costas, o Concello de Poio volverá a solicitar a colaboración da Estación Fitopatolóxica para realizar a repoboación das especies elixidas.