Poio solicita a Facenda que aclare a titularidade da Casa do Ateneo

Poio
18 de xaneiro 2023

O alcalde, Luciano Sobral, remitiu hai uns días unha carta á ministra Montero, acompañada da documentación reunida pola administración local para defender o carácter público do inmoble

Casa do Ateneo, en Combarro
Casa do Ateneo, en Combarro / PontevedraViva

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, vén de remitir hai uns días unha carta á ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, co obxectivo de que corrobore definitivamente a titularidade pública da coñecida como Casa do Ateneo, situada na Rúa Rambla, 5 e que é un dos grandes emblemas históricos da parroquia de Combarro. 

A través desta misiva, o Concello de Poio solicita a Montero que remita toda a información relacionada coa propiedade. 

Ademais, tal e como explica a concelleira de Patrimonio, a nacionalista Marga Caldas, tamén foi enviada unha copia do expediente, que conta con toda a documentación que o Concello de Poio reuniu nos últimos anos para dirimir a titularidade deste ben. O obxectivo é que o Ministerio "revise se se acredita o uso da titularidade do ben ou se, pola contra, existen datos que constaten a existencia dalgún propietario".

Marga Caldas lembra que toda esta documentación xa foi enviada no seu día ao Ministerio de Cultura, pero "este derivounos a Facenda". A edil do goberno local garante que "continuaremos a dar todos os pasos necesarios para demostrar que a Casa do Ateneo é da veciñanza". Esta tramitación iniciouse no ano 2021, logo de que un particular reclamase a titularidade do inmoble, o que provocou o seu cambio de titularidade no Catastro. 

A partir de aí, desde a Concellería de Patrimonio iniciáronse as xestións pertinentes, que levaron ao Concello a contactar cun bufete xurídico de Uruguai a través do cal se acadaron os testamentos elaborados pola presunta propietaria do inmoble, falecida no país suramericano hai máis de 20 anos. "Nestes documentos, asinados en 1991 e 1996, non constan propiedades en Combarro a nome desta persoa", subliña Marga Caldas.

Outro argumento que reforza a postura do Concello é que nestas dependencias só se poden realizar actividades de carácter sociocultural, tal e como establece o Plan Especial de Protección de Combarro de 2001. O devandito plan descarta estas dependencias situadas na Rúa Rambla poidan ser acondicionadas como vivenda ou para desenvolver outro tipo de actividades comerciais ou de hostalería.

As xestións que desenvolve o Concello de Poio para aclarar a titularidade da Casa do Ateneo non afecta ao convenio recentemente aprobado por unanimidade polo pleno da corporación, a través do cal a administración local recibirá a titularidade do inmoble principal, situado na Rúa San Roque 59, por parte da Deputación de Pontevedra.

O acordo entre ambas institucións establece que estas instalacións rehabilitarase para transformalo nun centro de promoción turística e do patrimonio histórico. Antes da súa recepción por parte do Concello, a Deputación investirá máis de 100.000 euros na remodelación destas históricas dependencias.