O plan de tráfico e seguridade posto en marcha polo Concello e a Policía Local de Poio durante as Festas de San Xoán continuará durante o resto da fin de semana despois de superar o momento que podía resultar máis crítico, a celebración da noite do venres e a madrugada do sábado. Rematada a xornada principal, fan balance e amosan a súa satisfacción pola ausencia de incidencias nas 28 cacharelas autorizadas e a colaboración cidadá que fixo posible o éxito.
Segundo indicou a Policía Local, o operativo de tráfico funcionou perfectamente e houbo fluidez na circulación sen atascos. O operativo de seguridade da fogueira tamén foi exitoso, pois tan só houbo un pequeno incidente. Unha muller foi asistida por efectivos da Cruz Vermella no lugar por un pequeno corte na cabeza.
En relación coa seguridade cidadá, desde a Policía Local indican que as zonas de Lourido e Sinas tiveron as principais concentracións de persoas. Houbo dúas patrullas polas inmediacións e colaboración da Garda Civil de Pontevedra e non se rexistraron incidencias.
Hai constancia dun suceso de pouca relevancia sobre as 5.00 horas da madrugada na zona de Agis. Alguén prendeu lume nun montón de palla e madeira no lugar dos Canos, pero foi apagado polo retén de bomberos de Protección Civil sen maiores consecuencias.
O número de efectivos mobilizados pola Policía Local foi de catro axentes na quenda de tarde e oito na quenda de noite e tamén se contou coa colaboración de 10 voluntarios de Protección Civil.
O operativo continúa este sábado e terá especial importancia durante a tirada de lumes do día 26. Establecerase un círculo de seguridade cun camión de bombeiros e unha motobomba nas proximidades da senda peonil. Por este motivo prohibirase o tráfico peonil a partir das 23.30 horas do luns 26 por esta senda.
Dentro da programación festiva, este domingo 25 de xuño celebrarase a primeira Pedalada do Concello de Poio para todos aqueles afeccionados ao ciclismo que queiran participar dun ambiente festivo e solidario. Os interesados concentraranse ás 10.30 horas na praza do Mosteiro de Poio, de onde partirá o pelotón a partir das 11.00 horas. A chegada está prevista para as 12.00 horas ao Complexo Deportivo Miguel Anxo Pazos.
INCIDENCIAS EN CAMBADOS
En relación coa noite e a madrugada de San Xoán, o servizo de emerxencias de Cambados sinala que tiveron 113 queimas e 18 particulares avisaron para que botaran auga nas brasas.
Teñen constancia dun conato de incendio forestal con 100 metros cadrados afectados en A Telleira, en Vilariño. Ademais, houbo que retirar un par de contedores que foran desprazados e invadían a calzada.