Poio saldará a débeda con once propietarios polos alugueres dos terreos da área arqueolóxica da Caeira

Poio
26 de abril 2024

O pago dos importes, que se aprobarán no pleno ordinario que se celebrará o martes, afecta a un total de once propietarios

Rafa Domínguez e Ángel Moldes, no Mirador da Caeira
Rafa Domínguez e Ángel Moldes, no Mirador da Caeira / Mónica Patxot

O Concello de Poio saldará a débeda con once propietarios polos alugueres dos terreos da área arqueolóxica da Caeira, cuxos últimos importes aboados corresponden a decembro de 2021.

No pleno ordinario do mes de abril, que se celebra o martes, o Goberno incluirá o pago de 6.460,24 euros, o que permitirá estar ao día das súas obrigas respecto ao arrendamento destes terreos. 

O alcalde, Ángel Moldes, explica que "para o Concello de Poio é importante ir liquidando todas as débedas contraídas nos últimos anos para poder dispor dunhas contas totalmente saneadas que permitan seguir aumentando os investimentos e a prestación de servizos públicos para a veciñanza". 

Moldes sinalan que "o impago destes alugueres aos propietarios é unha mala práctica que, como administración, resulta incomprensible posto que son uns alugueres que levamos abonando desde o ano 2008 e deberían ter estes gastos previstos nos orzamentos".

Con todo, sinala que "pouco a pouco, e con moito esforzo, estamos pagando as débedas tan importantes que quedaron nas arcas municipais no anterior mandato e que están dificultando e condicionando a labor deste goberno. Debíanselle moitos cartos a moitas persoas". 

Así, engade o alcalde de Poio que "das facturas por importe de máis de 1,2 millóns de euros que quedaron no caixón, e sen partida nos orzamentos, a día de hoxe xa fomos capaces de liquidar practicamente o 70% e o fixemos sen comprometer a prestación nin a calidade de ningún servizo público".

Ademais, tamén na sesión deste martes, incluirase un recoñecemento extraxudicial de crédito para pagar, entre outras, facturas rexistradas no concello con data do 19 de febreiro de 2024 pero que corresponden a traballos feitos en vésperas das eleccións municipais. 

Case 30.000 euros entre os que se inclúen o sobreancho do camiño Cereiro-Sartal; apertura de caixa, escavación e zahorra sobreancho no camiño do Castro, Campelo; asfaltado de sobreancho no camiño de Liñares; paso de peóns A Barca; formación de lombo reductor de velocidade no camiño Lamoseiros; sobreancho no camiño da Cachada, en Campelo; e luminarias en camiño da Serpe. Todas estas facturas con data do 28 de abril de 2023, agás a última que é con data do 23 de maio de 2023.