Poio roza as 4.000 prazas de aloxamento turístico e marca un novo teito histórico

Poio
02 de abril 2023

O Concello de Poio roza as 4.000 prazas de aloxamento turístico e consolida o crecemento paulatino que se vén experimentando nos últimos anos e que permitiu superar por primeira vez as 3.000 unidades no ano 2020  

Praia de Sinás, en Raxó
Praia de Sinás, en Raxó / Concello de Poio

O Concello de Poio roza as 4.000 prazas de aloxamento turístico e consolida o crecemento paulatino que se vén experimentando nos últimos anos e que permitiu superar por primeira vez as 3.000 unidades no ano 2020.

Segundo os datos actualizados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) a cifra exacta é de 3.948, o que supón un incremento dun 8% con respecto ao 2022, cando se rexistrou o récord anterior cun total de 3.639.

A tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Silvia Díaz, sinala que estas cifras "corroboran a boa saúde do sector a nivel local, que continúa a consolidarse como un dos grandes dinamizadores económicos do municipio, ao tempo que se reforza a imaxe de marca que ten Poio como destino turístico".

As prazas ás que fai mención o IGE corresponden a establecementos como hoteis, pensións, albergues, locais de turismo rural, campamentos, vivendas turísticas, apartamentos turísticos e vivendas de uso turístico. Son estas últimas as que experimentaron un maior crecemento, algo que está a ser habitual desde o 2018, momento no que a Xunta de Galicia empezou a contabilizar este tipo de negocios.

"Daquela había aproximadamente un millar de unidades e agora xa son máis de 2.000, o que dá unha idea da extensión paulatina deste modelo de aloxamento", apunta Díaz, que tamén salienta que neste ano incrementáronse o número de prazas correspondentes a pensión, pasando das 83 de 2022 ás 107 actuais. No caso das vivendas, pásase concretamente de 1.756 a 2.039. No resto de modelos de establecementos mantense unha estabilidade que se reflicte no feito de que non se rexistraron descensos no informe elaborado polo Instituto Galego de Estatística, no que figuran, un ano máis, as 1.117 prazas de hoteis ou as 518 correspondentes a apartamentos.

Boa parte destes espazos estarán xa a disposición das persoas que decidan visitar Poio durante a Semana Santa, datas nas que hoteis, apartamentos e casas rurais rozarán o 70% de ocupación aínda que Díaz confía en que, en caso de que as condicións meteorolóxicas acompañen, as cifras sexan moi positivas.

"Esta é unha época na que sobre todo detectamos moito turismo de proximidade e a chegada de persoas doutros lugares da Península", indica, ao tempo que nos últimos anos tamén se constata un incremento de visitantes máis alá da tempada estival xa que Poio conta con puntos de interese atractivos en calquera época do ano.

Por último, Silvia Díaz indicou que esta Semana Santa se retomarán de xeito regular as visitadas guiadas á Illa de Tambo, que se suman a outros recursos que fan de Poio un destino especial, como o Casco Histórico de Combarro, as rutas dos muíños e dos miradoiros, a Variante Espiritual do Camiño Portugués ou a súa gastronomía.