Os problemas que provoca o actual estado da 3ª Travesía da Seara están a piques de ser historia. Xa comezaron as obras impulsadas polo Concello de Poio para reparar o firme deste camiño municipal, que estaba moi deteriorado.
O goberno municipal entendía que este camiño precisaba dunha actuación que garantise a seguridade, puxese en valor a contorna e mellorase a recollida de pluviais.
Así, os traballos contemplan a demolición do asfalto actual e adaptar a rasante, renovando o firme con formigón semipulido-raiado e reservando unha franxa no centro para adoquinado.
Inclúese tamén a roza e limpeza da vexetación, a colocación de tres sumidoiros para mellorar a recollida de auga e unha nova sinalización horizontal e vertical para ordenar o tráfico.
O edil responsable de obras e servizos, Marcial García, destacou que está é unha actuación "moi importante" para a veciñanza e casas deste lugar, recoñecendo que "levan anos soportando parches temporais que non ofrecen ningunha solución a longo prazo".
"Son proxectos que aínda que non requiren investimentos moi elevados, si teñen unha repercusión importante para mellorar a calidade de vida dos residentes nestas zonas", explicou.
As obras na 3ª Travesía da Seara, adxudicadas á empresa COVSA, prolongaranse durante as próximas semanas.
Nos últimos meses o Concello de Poio executou melloras na mobilidade e nos servizos básicos de varios camiños municipais, entre outros, na Rúa Costa de Arriba, en Combarro, Liñares, Paradela, Banda do Río ou San Martiño de Rial.