Poio reivindica o seu Entroido: "Non somos brasileiros. Somos choqueiros"

Poio
21 de febreiro 2019

A concelleira de Cultura e Festas, Lidia Salgueiro, presentaba acompañada do pregoeiro deste ano, o actor da serie 'Fariña', Xosé Manuel Esperante, e de representantes de comparsas a programación prevista ao longo de 9 días en que invitan á veciñanza a rescatar roupa dos faiados e vestirse de "choqueiros"

Presentación da programación do Entroido 2019 en Poio
Presentación da programación do Entroido 2019 en Poio / Mónica Patxot

Pepe leva unha bandexa de filloas na man e uns lentes azuis xigantes. É un dos veciños veteranos de Poio e el lembra perfectamente como, anos atrás, xa andaban os choqueiros pola vila nos tempos de Entroido. Para ser choqueiro só é necesario rescatar calquera vestimenta dos faiados e saír con ela á rúa sen medo ao ridículo e con ganas de divertirse. Coa premisa de que 'A choqueirada anda solta', o Concello de Poio quere recuperar ese espíritu sen complexos e disposto a presumir de disfraces de andar por casa. "Non somos brasileiros, somos choqueiros", afirma Pepe con orgullo na presentación da programación das Festas do Entroido en Poio.

A concelleira Lidia Salgueiro sinalaba que durante nove días, entre o 1 e o 17 de marzo, haberá actividades de todo tipo para aqueles que queiran pasar un bo rato en Poio e degustar, sempre lucindo disfraz, filloas e orellas, entre outros produtos gastronómicos desta época do ano.

Deste xeito, a responsable de Cultura e Festas explicaba que o venres 1 de marzo comezará o programa co acto público de presentación do Galo Fodorico. Unha cita na Praza da Granxa que se iniciará ás 17.30 horas con Gran Barafunda e unha mostra de Ecopercusión, que dará paso á presenza do coñecido personaxe que aínda mantén en segredo como vai ir engalanado nesta nova cita, a trixésima xa, co Entroido de Poio. A festa rematará con dúas espectaculares actuacións, Broken Peach e La Duendeneta. 

O domingo 3 de marzo, Samieira acollerá ao mediodía a recepción do Galo Bruxo. Xa durante a tarde, a partir das 16.30 comezará o gran desfile de Entroido con saída desde a Avenida da Porteliña e con Espazo Gastro na Seca onde, con animación musical, poderán degustarse os tradicionais doces. A concelleira destacaba na presentación que se trata dun desfile feito "por e para a veciñanza", atendendo ás necesidades das comparsas participantes. Van manterse as mesmas cantidades económicas nos premios que na edición de 2018.

A choqueirada seguirá sendo o fío condutor dos actos do día 6 e do 9 de marzo. O mércores 6 vai desenvolverse ás 17.00 horas o Entroidiño Lourido en Costa Xiráldez e o enterro do Berberecho. O sábado 9, a festa chegará a Combarro co seu Entroidiño e o enterro do Mexillón. O domingo 10 haberá baile de disfraces en Raxó no Centro Cultural Xaime Illa.

Outra das novidades deste ano será a data de celebración do enterro do Galo Fodorico. Será o sábado 16 a partir das 21.00 horas con saída do cortexo fúnebre da praza do Mosteiro para rematar na praza de Aris, dando paso á VIII Festa do Choqueiro.

O domingo 17, Samieira acollerá o enterro do Galo Bruxo e o domingo 24 será o momento de pechar as festas cun encontro dos grupos do Entroido e das comparsas participantes. 

O presentador do Entroido Poio 2019 é o actor Xosé Esperante, coñecido popularmente pola súa participación na serie 'Fariña' e polos seus papeis coas compañías Baobab Teatro e Ibuprofeno Teatro. Esperante na rolda de prensa, acompañado por integrantes de diferentes agrupacións, invitou a participar a toda a veciñanza lembrándolles que para ir de choqueiro non é necesario gastar cartos, só se precisa remexer nun baúl e coller a roupa máis divertida.

Arquivado en