Tras dúas edicións condicionadas pola pandemia, Poio vai a recuperar este ano a plena normalidade nunha das sús festas máis senlleiras, o Entroido. Vaise a celebrar no municipio "por todo o alto", segundo avanzou a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez.
A edil mantivo xa unha reunión con representantes dos colectivos e asociacións que, grazas á súa implicación, "fan que Poio conte ano tras ano cun dos entroidos de referencia na provincia de Pontevedra", para avanzar nos preparativos da festa.
O goberno municipal adianta que o gran desfile terá lugar o domingo 19 de febreiro, con saída do núcleo de Campelo, na Praza da Granxa, ás 17:00 horas.
Desde aí, a comitiva circulará por un tramo da PO-308 e accedendo pola Seara a través da Cuarta Travesía, ata as inmediacións do CEIP Isidora Riestra. A chaira da Seca será o punto final.
Ademais, Raquel Rodríguez confirmou que nesta edición haberá un incremento nos premios do concurso no que, como xa é habitual, poderán participar veciños e veciñas de xeito individual, por grupos ou por parellas.
"Poio sempre contou cunha das programacións máis extensas e variadas da bisbarra e, grazas á implicación e ao interese dos colectivos, nesta ocasión poderemos volver a gozar con este festexo tan arraigado no noso concello", celebrou a responsable municipal de Cultura.