Poio propón un Entroido renovado co desfile en Campelo e unha gran festa na Seca

Poio
05 de outubro 2023

O Entroido de 2024 chegará a Poio con grandes novidades. O goberno municipal traballa nunha renovación completa da que é unha das súas festas máis senlleiras. O obxectivo é aumentar a calidade e as propostas lúdicas, así como atraer un maior número de participantes e de público

Reunión do alcalde de Poio, Ángel Moldes, cos colectivos que participan no Entroido
Reunión do alcalde de Poio, Ángel Moldes, cos colectivos que participan no Entroido / Concello de Poio

O Entroido de 2024 chegará a Poio con grandes novidades. O goberno municipal traballa nunha renovación completa da que é unha das súas festas máis senlleiras. O obxectivo é aumentar a calidade e as propostas lúdicas, así como atraer un maior número de participantes e de público.

Para iso, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, reuniu xa a todas as comparsas, asociacións veciñais e agrupacións para presentarlles os cambios que o novo goberno quere introducir no próximo Entroido, que se celebrará a principios do mes de febreiro.

"A organización, traballo e ensaios destas comparsas require moito tempo e por iso desde o goberno queríamos trasladarlles canto antes os nosos plans, tanto para contar coa súa opinión, como para que tivesen claras as datas e as propostas que imos ofrecer para que poidan organizarse da mellor forma posible", explica Moldes. 

A aposta do Concello é por manter o desfile en Campelo, pero cun percorrido máis reducido e facelo en horario de mañá. Sería, polo tanto, o domingo 11 de febreiro.

Moldes subliña que "nin aumentando o número nin a cantidade dos premios se logrou atraer novos participantes", polo que o seu goberno opta por este novo horario para evitar coincidir con outros entroidos da comarca e concellos limítrofes.

Ademais do horario, tamén cambia o percorrido, que nesta edición farase entre a Escola de Música e a Praza da Granxa, para evitar que o desfile sexa excesivamente longo, o que motivara queixas entre os participantes e entre o público.

Os cambios incluirán ademais unha festa de Entroido, o venres 23 de febreiro na Seca, con música, un desfile pequeno e premios para os mellores disfraces.

Na reunión, que se celebrou onte pola noite, participaron representantes da Asociación Cultural As Sonecas, da comparsa Os Canecos, da asociación cultural Os 100Tolos, do grupo entroido de Samieira, da asociación cultural e veciñal Ronsel como organizadora do galo Fodorico, así como da asociación de veciños e da comisión de festas de Campelo.

Todos amosaron, segundo o Concello, o seu apoio unánime a todas as novidades introducidas polo novo goberno.

Arquivado en