Poio promove o servizo de recollida de residuos voluminosos

Poio
11 de agosto 2020

A campaña inclúe o lanzamento de mensaxes nos medios de comunicación e redes sociais, así como a instalación por todo o municipio de cartaces con códigos QR, a través dos cales a veciñanza poderá descargar nos seus  teléfonos móbiles información de utilidade vencellada ao servizo

Presentación da campaña de promoción do servizo de recollida de residuos voluminosos
Presentación da campaña de promoción do servizo de recollida de residuos voluminosos / PontevedraViva

O Concello de Poio e a empresa responsable da limpeza e tratamento de residuos, Valoriza, impulsan unha campaña para fomentar o uso entre a veciñanza do servizo de recollida de voluminosos. Trátase dunha prestación totalmente gratuíta que a cidadanía pode solicitar, vía telefónica, para que lles vaian a buscar aos seus domicilios mobles e electrodomésticos de gran tamaño.

O alcalde, Luciano Sobral; a concelleira de Servizos e tenente de alcalde, Chelo Besada; a responsable de Participación Veciñal, Silvia Díaz; o enxeñeiro municipal, José Luis Arias, e o representante de Valoriza David Rodríguez foron os encargados de dar a coñecer este martes os detalles dunha campaña que se lanzará a través dos medios de comunicación e redes sociais, ademais de coa colocación de cartaces.

Baixo o eslogan 'Poio é precioso, por que o estragas?', esta iniciativa pretende concienciar á cidadanía da necesidade de utilizar un servizo que axuda a preservar o medio ambiente, evitando o abandono destes residuos na vía pública ou en espazos naturais. Unha práctica que, tal e como lembrou a tenente de alcalde, "é ilegal" e está castigada con fortes multas económicas, especialmente nos casos de maior gravidade.

Os cartaces que se instalarán ao longo de todo o termo municipal de Poio inclúen información de utilidade, como o número de teléfono ao que deberán chamar para solicitar o servizo (986771185) e o horario (de luns a venres, de 9.00 a 13.00 horas).

Ademais, esta campaña non esquece o aspecto interactivo. Xunto á difusión nas redes sociais e medios (que incluirán "algunha sorpresa en forma de colaboración", tal e como destacaron os dirixentes locais), os paneis inclúen códigos QR, a través dos cales veciños e visitantes poden descargarse nos seus dispositivos móbiles todo tipo de información.

Nestes códigos tamén se inclúen cuestións como as sancións que establece a lei en materia de medio ambiente e datos sobre o servizo.

Ademais segue disponible a aplicación Liña Verde coa que calquera cidadá pode dar parte ao Concello de todo tipo de incidencias para o seu arranxo