Poio programa un Entroido con catro enterros, filloas e moita troul

Poio
06 de febreiro 2020

A nova Festa da Filloa dará o vindeiro 21 de febreiro o pistoletazo de saída ao Entroido de Poio.  O Desfile será o 23 de febreiro, o Enterro do Galo Fodorico o 7 de marzo e o peche da programación terá lugar en Campelo o 15 de marzo co Concurso de Comparsas e Grupos de Fantasías

Presentación do Entroido de Poio
Presentación do Entroido de Poio / PontevedraViva

O Concello de Poio presentou o programa do Entroido 2020 que inclúe catro enterros, filloas e "moita troula", nunha festa grande, tanto pola súa duración como polo contido da súa programación, que neste ano inclúe varias novidades.

O alcalde, Luciano Sobral, a concelleira de Cultura e Educación, Raquel Rodríguez, e integrantes dos diferentes colectivos deron a coñecer este xoves os detalles das actividades lúdicas que se desenvolverán desde o 21 de febreiro ata o 15 de marzo "se a meteoroloxía non o alonga moito máis", advertiron.

Ademais de manter clásicos como o gran desfile ou o enterro dos galos Fodorico y Bruxo, o Mexilón e o Berberecho, nesta ocasión introdúcese un novo atractivo. Trátase da Festa da Filloa, que, precisamente, dará o pistoletazo de saída ao Entroido o venres 21, a partires das 18.00 horas. Ademais de degustacións gratuítas, haberá obradoiros infantís, troula e bailes.

Dous días máis tarde, o domingo 23, chegará o momento do Desfile de Entroido, que partirá ás 17.00 horas da avenida da Porteliña, en San Salvador, e chegará ata a rúa Castelao, nas inmediacións do xulgado, en San Xoán. Ao remate haberá una gran festa, amenizada pola Orquesta Limón, que incluirá a entrega de premios aos mellores disfraces individuais, por parellas e por grupo. Estes últimos deberán contar cun mínimo de 5 integrantes. Raquel Rodríguez explicou que o prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns e pecharase o día 17. As anotacións pódense facer a través do Rexistro Municipal ou a sede electrónica.

O mesmo 23 de febreiro, pero pola mañá (12.00 horas), terá lugar arecepción do Galo Bruxo de Sameira, na praza Alfredo Romay. O seu enterro queda fixado para o 14 de marzo, ás 20.00 horas. Ambas actividades están organizadas pola SCD Samieira, en colaboración co Concello.

As actividades infantís terán un amplo protagonismo na programación. Proba disto son, por exemplo, as festas para os cativos que se realizarán en Combarro (día 28), Campelo (29) e Lourido (6 de marzo). Estas actividades desenvolveranse na Comunidade de Montes de Combarro (17.30 horas), no Local Social de Campelo (17.00 horas) e no Parque de Costa Giráldez (19.00 horas), respectivamente.

Tanto en Combarro como en Lourido se manteñen na programación os emblemáticos enterros do Mexillón e do Berberecho, os días 28 de febreiro (20.30, partindo do peirao da Canteira ata a Praza da Chousa) e o 6 de marzo (á mesma hora).

Pola súa banda, o enterro do Galo Fodorico Augusto Bastante será o 7 de marzo, ás 20.00 horas. A comitiva partirá do Sartal e chegará á Praza do Mosteiro, onde, como xa é tradición, terá lugar a Festa da Choqueira, coa participación do Grupo Prisma. Haberá unha chocolatada popular e un concurso.

O broche de ouro á programación terá lugar o 15 de marzo en Campelo, unha das localidades de Poio onde o Entroido se vive cunha maior paixón. Alí celebrarase o Concurso de Comparsas e Grupos de Fantasía, a partir das 17.00 horas, saíndo da Rúa Beiramar e chegando á Praza da Granxa, onde se servirá chocolate quente e se efectuará e entrega de premios. As comparsas deberán estar compostas por un mínimo de 25 integrantes, mentres que os grupos deberán ser de 15. A inscrición ficará aberta desde o 3 ao 11 de marzo, no Rexistro Municipal e na sede electrónica. As comparsas dePoio Os 100tolos, Os Canecos, Grupo Samieira e As Sonecas exercerán de anfitrionas.

Luciano Sobral e Raquel Rodríguez amosaron a súa confianza en que o Entroido volva a atraer a un gran número de veciños e visitantes e salientaron o labor desenvolvido polos colectivos que participan activamente no desenvolvemento da programación, entre os que se atopan a ACV Ronsel, a ACD Campelo, o Sporting Campelo, A Comisión de Festas de Campelo, Os 100tolos, o Ateneo Corredoira, a SCD Samieira e as asociacións veciñais de Campelo e Lourido.

 

Arquivado en