Poio prevé reducir un 80% da factura eléctrica co cambio a LED do alumeado público

Poio
06 de xullo 2021

O goberno municipal de Poio prevé renovar medio milleiro de luminarias emprazadas en diferentes partes do municipio. É un proxecto de mellora da eficiencia enerxética que contará cun financiamento a tres bandas, segundo explica o Concello

Revisión do alumeado público en Poio
Revisión do alumeado público en Poio / Concello de Poio

O goberno municipal de Poio prevé renovar medio milleiro de luminarias emprazadas en diferentes partes do municipio. É un proxecto de mellora da eficiencia enerxética que contará cun financiamento a tres bandas, segundo explica o Concello.

Serán 203.000 euros que, de xeito maioritario (163.000 euros) procederán de fondos europeos do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). O resto, a partes iguais, será achegado pola Deputación de Pontevedra e a administración municipal.

Está previsto que nos vindeiros dous anos se instalen 501 puntos de luz LED de última xeración, ademais da substitución de varios cadros de mando. Isto servirá para conseguir un aforro na factura da luz que roldará o 80% aproximadamente.

Está previsto que nos vindeiros días o alcalde, Luciano Sobral, asine o convenio coa institución provincial para poder poñer en marcha a actuación, que deberá estar finalizada antes do 31 de xullo de 2023.

De cara a preparar estes traballos, os concelleiros de Obras e Promoción Económica, Gregorio Agís e Chelo Besada, pasaron revista a algúns dos lugares nos que xa se están a acometer traballos de renovación de luminarias. 

Esta subvención súmase a outra achega, próxima aos 50.000 euros, recibida da Deputación de Pontevedra para renovar o alumeado en zonas declaradas como Ben de Interese Cultural (BIC), como é o caso do casco histórico de Combarro ou os exteriores do Mosteiro de San Xoán.