A primeira edición de 'Tapea Poio' celebrou este venres a súa entrega de premios nun acto organizado no Pazo de Colón, en San Salvador.
A tapa premiada polos votos do público foi a "Carrilleira ao Estilo de Papá", do restaurante Lameiriña, en Raxó. O Bocoi, en Combarro; e O Eirado das Margaridas, en Liñares; foron o segundo e terceiro premio respectivamente.
Ademais, entregáronse placas de recoñecemento pola participación a Restaurante Casa Angelita (Lourido), Bar Terraza (A Barca), Restaurante "Pinela Terraza" (A Pinela), Restaurante O Peirao e Bodega O Bocoi, ambos en Combarro, e Recuncho do Lolo, no Covelo (Samieira),
Repartíronse tamén os premios a máis dunha vintena de persoas que participaron na votación.
Houbo para eles estancias no Hotel Villa Covelo e no Hotel Apartamento RD, cestas de Supermercados Froiz, caixas de produtos gourmet de Pescamar, pasaxes nas navieiras Cruceiros Pelegrín e Navieira Mar de Ons que operan desde o porto de Combarro e menús degustación nos restaurantes Casa Solla e Pepe Vieira.
O acto contou coa presenza de representantes da Xunta, a Deputación de Pontevedra, as empresas colaboradoras, que incluían tres Estrellas Michelín, as dos restaurantes Pepe Solla e Pepe Vieira, así como dos once establecementos participantes.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, asegurou que o goberno local aspira a que Tapea Poio se converta nun evento fixo no calendario, ademais dun "reclamo" para percorrer o municipio "deleitándose da fantástica oferta gastronómica que temos".
O alcalde tamén recordou que Poio é, desde hai máis de quince anos, o concello con máis Estrellas Michelín de Galicia.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, celebrou que o certame "superou as expectativas", e deixou un "gran sabor de boca", reflexo dunha cultura moi arraigada de xeración en xeración, "grazas a que Poio é un destino gourmet, por calidade e diversidade".