Poio presenta aos veciños de Campelo o novo proxecto de mellora de mobilidade na EP-0601

Poio
05 de abril 2025

A reunión informativa celebrarase o xoves 10 de abril e contará cos técnicos redactores do proxecto, quen explicarán as modificacións realizadas e responderán as dúbidas dos asistentes

EP- 0601entre Portosanto e Campelo
EP- 0601entre Portosanto e Campelo / Concello de Poio

O Concello de Poio convocou aos veciños de Campelo a unha reunión informativa para presentarlles as modificacións, demandas e propostas incorporadas ao novo proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-0601, que conecta Portosanto, Campelo e a PO-308.

A reunión celebrarase o xoves 10 de abril, ás 19:30 horas, no Espazo Municipal de Campelo, onde os técnicos redactores do proxecto explicarán detalladamente as modificacións e responderán as dúbidas das persoas asistentes.

As obras, que se executarán en dúas fases, contan cun investimento de máis de 1,8 millóns de euros responderán as "demandas reais" da veciñanza.

É por iso que a primeira fase centrarase no tramo entre a conexión da vía provincial coa PO-308 e a biblioteca municipal.

Construirán un itinerario peonil de 2,5 metros de ancho, mellorarán a pavimentación e os sistemas de drenaxe, soterrarán os servizos de telecomunicacións e electricidade, e renovarán a iluminación pública.

"Este proxecto vai supor unha transformación para Campelo, permite comunicar e vertebrar toda a parroquia de San Xoan e, sobre todo, vai mellorar de maneira importante a seguridade e calidade de vida da veciñanza", sinalou o alcalde, Ángel Moldes.

O rexedor, ademais, lembrou que o proxecto o modificaron despois de reunirse coa veciñanza e tras detectar que "a idea inicial do anterior goberno provincial xeraba máis problemas que solucións".

Moldes tamén adiantou que nas próximas semanas o Concello de Poio e a Deputación de Pontevedra asinarán o convenio para facer realidade este proxecto.