O goberno local do Concello de Poio presentou este venres un orzamento "de transición" para o ano 2024, co que "sanear as contas sen renunciar a garantir a prestación e calidade dos servizos municipais para a veciñanza".
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, explicou que "só así conseguiremos comezar unha época nova, con maior estabilidade, maior confianza e, polo tanto, tamén maior crecemento para o noso concello".
Segundo valorou Moldes, o documento, que ascende a 14,7 millóns de euros, "é un orzamento realista, responsable e prudente", baseado en catro piares "o benestar e a atención ás persoas, a mellora da calidade dos servizos públicos, optimizar os recursos para facer máis con menos e reducir a importante débeda que soporta o concello".
O plan do novo Goberno para reducir as débedas pasa, en primeiro lugar, por "ir pagando as facturas que aínda hai pendentes con autónomos e pequenos empresarios" e para iso e e para atender os investimentos pendentes de aprobación no capítulo 6, consígnase crédito.
Para gastos e facturas de 2023 destinarase o 70% desa operación de crédito de 783.832,29 euros, e o resto reservarase para atender investimentos varios na rede de estradas, abastecemento ou outros servizos municipais.
"Non nos gustan as débedas con bancos, pero gústanos menos as débedas cos provedores, empresas e autónomos. E este é o camiño necesario para comezar a sanear as contas do concello", apunta o alcalde.
Por áreas, os Servizos Sociais e Igualdade reservan 1,56 millóns de euros, para Cultura e Educación destínanse 958.085 euros, mentres que para Festexos destínanse 373.710 euros, para Medio Ambiente 519.130 euros e Obras e Servizos 542.260 euros. A partida de deportes conta con 461.796 euros, e aumentan as axudas a entidades ata os 295.739 euros.
Con respecto ao capítulo de persoal, recóllense a creación de novas prazas así como os incrementos salariais previstos que deberán aplicarse nas retribucións do persoal en 2024, uns aumentos que non se aplicarán nas retribucións dos membros do Goberno con dedicación exclusiva ou parcial.
Tamén se incrementa a partida de gastos correntes, para garantir a prestación e calidade de todos os servizos públicos municipais, un capítulo que reserva o 50% dos gastos.