O domingo 26 de febreiro comezará o Entroido de Poio, o máis longo de todos os concellos da contorna da comarca de Pontevedra. Farao co tradicional desfile que comezará ás 16.30 horas cunha novidade, a saída será na Praza da Granxa. Unha proposta coa que a concelleira de Festas, Lidia Salgueiro, sinala que se busca que o arranque da comitiva sexa máis vistoso para os espectadores á vez que máis sinxelo para os participantes.
O percorrido finalizará na chaira da Seca. Alí habilitarase un espazo para a instalación do palco de animación na entrada ao campo de fútbol establecendo zonas de aparcadoiro máis amplas. Desta forma elimínase o tráfico rodado durante a entrega de premios. Poderán concursar disfraces individuais, por parellas, grupos cun mínimo de cinco persoas e comparsas, que deberán estar formadas por 30 persoas e música propia. O premio máis alto ascende a 650 euros.
Durante a presentación na tarde deste mércores 15 da programación para este Entroido, a concelleira, acompañada por representantes veciñais e das comparsas Os Canecos e Os Centolos, sinalou que ata o día 23 estará aberto o prazo para inscribirse no Concello de Poio e participar no desfile. O domingo 26 tamén se poderán apuntar os máis atrasados pero recoméndase facelo con antelación para que establecer os posicionamentos no desfile.
Ese mesmo domingo 26 celebrarase tamén o desfile do Galo Bruxo en Samieira a partir das 12.00 do mediodía. O martes 28 desenvolverase o baile infantil de disfraces en Combarro, onde o xoves 2 de marzo tamén se celebrará o Enterro do Mexillón. Dous días máis tarde, o sábado 4 de marzo, Campelo acollerá o baile infantil de disfraces e o domingo 5 chegará outro baile de disfraces en Raxó.
O Enterro do Berberecho, que se celebra o 11 de marzo, presenta novidades con saída de Costa Xiráldez e un percorrido que finalizará no aparcadoiro de Lourido. Os premios serán de 60 e 30 euros para os disfraces individuais e de 100 e 50 euros para as parellas. O sábado 18 chegará a Samieira o Enterro do Galo Bruxo. E os actos finalizarán o sábado 25 co tradicional Enterro do Galo Fodorico e a VI Festa do Choqueiro.
O orzamento para esta edición ascende a 23.000 euros co mantemento de todas as actividades e propostas dos últimos anos.