Alá polo ano 1994 nacía a agrupación de Protección Civil de Poio. Tres décadas de dedicación, compromiso e traballo para facer do municipio un lugar máis seguro que, como non podía ser doutro xeito, mereceron un gran homenaxe público por parte da cidadanía.
Foi no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, onde se reuniu gran parte da sociedade civil de Poio para agradecer o traballo dun cento de persoas que foron voluntarias da agrupación nalgún momento destes trinta anos de vida.
O seu actual presidente, Manuel Vicente, puxo en valor todo este traballo "sempre en primeira liña, brindando o noso apoio e dedicación desinteresada" e marcada pola constante profesionalización dos seus membros e a súa sólida preparación nas Emerxencias.
"É unha historia de amizade, compromiso, sacrificio, traballo e moita entrega para axudar á xente que nos necesita", sinalou Vicente, que recordou que a súa traxectoria mostra como o traballo en equipo e o altruísmo "poden marcar a diferencia na vida das persoas".
Nun salón ateigado de público, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, recoñeceu sentir orgullo "hoxe e sempre" por todos os voluntarios de Protección Civil, aos que agradeceu que "entregades o voso tempo para axudar aos demais de xeito totalmente xeneroso e sen esperar nada a cambio".
Así, recordou que son os primeiros que chegan en situacións de emerxencia, desde inundacións, ata temporais, accidentes ou extinción de incendios, pero tamén en todos os operativos de seguridade de eventos culturais, lúdicos e deportivos nos que velan "porque todo vaia ben"
"Onde está Protección Civil de Poio, hai fortaleza, hai confianza e hai tranquilidade", subliñou Moldes durante a súa intervención.
Entre os momentos "complicados, duros e inesquecibles" desta traxectoria, o rexedor citou a súa contribución "exemplar e fundamental", nos incendios e inundacións de 1996, no accidente do Prestige, no tráxico afundimento do Novo Marcos ou na pandemia da covid-19, entre outros.
Por todo este traballo, "Poio sempre estará agradecido con todos vós", sentenciou o alcalde, que asegurou que "a vosa axuda é infinita e invalorable".
MÁIS DE 35 VOLUNTARIOS NA ACTUALIDADE
Na actualidade, Protección Civil de Poio está composto por máis de 35 voluntarios con idades que oscilan entre os 17 e os 66 anos.
Hai persoas recentemente incorporadas, pero tamén outras como Víctor Lores, que leva na agrupación desde a súa fundación, ou Manuel Vicente e José Luis Castiñeira, que xa suman 28 anos, e Lucas García, 25.
Os seus inicios remóntanse a 1994 da man do Ateneo Corredoira, en Combarro. Dous anos despois, deu un salto cualitativo ao trasladarse á súa ubicación actual, na Reiboa, sendo xa o presidente Jaime Rial.
Posteriormente, a agrupación estivo presidida por Jose Manuel Lores en 2008 e, desde 2015 e ata a actualidade, por Manuel Vicente.
Desde 1996 tamén os medios foron en aumento e incorporaron novos vehículos, camións e innumerable material que serve de apoio para as súas intervencións e dispositivos de seguridade.
De feito, o acceso ao Centro Cultural Xaime Illa converteuse nun espazo temático no que se expuxeron algúns dos materiais cos que traballan, así como os seus uniformes e algúns dos seus vehículos.