Poio planea reformar a conexión entre os núcleos de Padrón e Casalvito

Poio
26 de agosto 2021

A intención do goberno municipal é que a estrada que une ambos lugares pase a ter unha plataforma única, para garantir a mobilidade e accesibilidade e, ao mesmo tempo, poñer en valor a contorna natural na que se atopan

Tramo que se reformará entre Padrón e Casalvito
Tramo que se reformará entre Padrón e Casalvito / Concello de Poio

A través dunha achega de 16.000 euros recibida da Rede Ágora da Deputación de Pontevedra, o Concello de Poio redactará o proxecto de mellora na conexión entre os núcleos de Padrón e Casalvito, na parroquia de Combarro.

A intención do goberno municipal é que a estrada que une ambos lugares pase a ter unha plataforma única, para garantir a mobilidade e accesibilidade e, ao mesmo tempo, poñer en valor a contorna natural na que se atopan.

O edil de Urbanismo, Gregorio Agís, explica que o proxecto deberá ser unha realidade antes de 2023, seguindo os prazos que marca a subvención provincial recibida por Poio. 

"Somos conscientes de que esta conexión é moi utilizada pola veciñanza, polo que entendemos que a actuación é moi necesaria", indica Agís.

Esta actuación enmárcase, segundo o concelleiro, "nunha folla de ruta moi clara, a través da cal se busca humanizar, mellorar e dotar dunha mellor accesibilidade e seguridade viaria aos nosos núcleos tradicionais".

Esta filosofía tamén cumpre o proxecto para a mellora e posta en valor do núcleo de Xuviño, tamén en Combarro, que sairá a licitación en breve por máis de 250.000 euros.