O Concello de Poio continúa coas súas actividades de formación para preparar a poboación para o mercado laboral. Este mes de abril comezou cun novo curso dirixido a profesionais do marisqueo a pé e incluirá a finais de mes outro para recepcionistas de aloxamentos turísticos.
Todo nun momento do ano no que, segundo os datos do Promoción Económica, Gregorio Agís, o paro se atopa nas mellores cifras da última década no municipio.
Así, Poio pechou o primeiro trimestre de 2023 con 882 persoas en situación de desemprego, o que supón unha redución de 32 con respecto á cifra de febreiro. Tamén é unha cantidade inferior á de xaneiro, cando se rexistraron 914 desempregados.
Un ano antes, en marzo de 2022, o número de persoas sen emprego superaba o milleiro (1.004), unha tendencia que "era a habitual no primeiro trimestre nos últimos anos", cun tope de máis de 1.300 en 2017.
Nos últimos doce meses o paro reduciuse en máis dun 15% no municipio, situándose por debaixo do 10% da poboación.
Ademais, tal e como figura no rexistro recollido pola Concellería de Promoción Económica, Poio foi o concello de toda a bisbarra de Pontevedra na que se produciu unha redución máis ampla no número de persoas sen traballo.
En canto ao novo curso formativo, é o último dos tres dirixidos a profesionais do marisqueo a pé. Logo dos de manipulación de produtos pesqueiros frescos e de habilidades sociais para o marisqueo a pé, realizados nos meses de febreiro e marzo, en abril chega a quenda dun ciclo que se centra en pautas de formación cooperativa para o sector. Ao igual cos dous anteriores, son cursos puntuables para o Permex.
O curso previsto para finais deste mes de abril finalizará en maio e contará tanto con sesións teóricas. Vaise realizar no Centro de Formación da Reiboa entre as 9.00 e as 14.00 horas e terá prácticas en empresas e negocios vencellados a este sector. Xa están reservadas o 100% das prazas, se ben hai unha lista de agarda en caso de que se produzan baixas.