O municipio de Poio pechou o primeiro trimestre de 2022 acadando a súa cifra máis baixa no que ao número de persoas paradas se refire en toda a década. Segundo recolle un informe elaborado pola Consellería de Traballo, no concello contabilizáronse a día 31 de marzo un total de 1.004 persoas en situación de desemprego, o que supón unha baixada de 147 persoas con respecto ao mesmo período en 2021 (1.151).
O concelleiro de Promoción Económica, o socialista Gregorio Agís, explica que este mínimo consolida a tendencia dos últimos anos, a excepción do sucedido entre os exercicios de 2020 e 2021, cando se detectou un incremento de parados, algo que "entra dentro da lóxica, habida conta da complicada situación que provocou a chegada da pandemia da COVID-19".
Agís lembra que un dos servizos que se ofertan a través de Promoción Económica é o que se presta a través da Oficina de Orientación Laboral. Situadas no Centro de Formación da Reiboa, na parroquia de San Xoán, estas dependencias prestaron asesoramento a máis de 700 persoas ao longo do ano 2021, unha cifra que, segundo estima Gregorio Agís, "previsiblemente aumente neste exercicio, toda vez que estamos a detectar un crecemento progresivo de veciños e veciñas atendidas".
O edil socialista explica que o perfil dos usuarios é "moi variado" e engloba a "aquelas persoas máis activas na procura de emprego ou xente que se acaba de empadroar en Poio e que proceden doutros lugares e países", sinala o titular de Promoción Económica. Tamén se asesora a persoas que derivan desde Servizos Sociais ou o CIM. A Oficina de Orientación Laboral ofrece pautas para a realización dun Itinerario Personalizado de Inserción, encamiñado a dar a coñecer ao ou á demandante as diversas vías ás que pode acceder para entrar no mercado laboral, ao mesmo tempo que se lle axuda "a desenvolver as habilidades necesarias para poder organizar e xestionar activamente a súa procura de emprego".
O horario de atención é de 9.00 a 13.30 horas. Tamén é posible contactar a través do 986770001 (extensión 1502) ou no mail [email protected]