Poio organiza o 17 de abril nos claustros do Mosteiro unha xornada dedicada á illa de Tambo

Poio
08 de abril 2021

O evento inclúe unha exposición sobre as características, historia e potencial da illa, así como dúas conferencias sobre os usos e posibilidades deste enclave que poderán seguirse por  streaming

Presentación da xornada sobre a illa de Tambo que organiza o Concello no Mosteiro de Poio
Presentación da xornada sobre a illa de Tambo que organiza o Concello no Mosteiro de Poio / Concello de Poio

‘Tambo: a illa soñada, a illa posible’, é o nome da iniciativa desenvolvida polo Concello de Poio e que se celebrará nos claustros do Mosteiro o próximo 17 de abril. Será unha xornada que virará ao redor do enclave que terá como atractivo principal unha exposición ideada polo arquitecto Sergio Portela que consta de 21 paneis informativos con detalles sobre as características e historia da illa.

O proxecto achega tamén propostas para facer realidade no futuro un plan de usos para as diferentes construcións existentes en Tambo, poñendo en valor as súas riquezas ambientais e patrimoniais.

A xornada contará tamén cunha mesa redonda, prevista para as 11 horas, nas que tamén tomarán parte o historiador Xosé Fortes, o profesor da facultade de Ciencias do Mar Mariano Lastra, o doutor en xeografía Gonzalo Méndez e, como representante da Asociación Irmandade Illa de Tambo, Claudio Quintillán. 

Pola tarde, a partir das 16.30, terá lugar outro coloquio no que se debaterá sobre os retos e oportunidades que presenta o lugar. 

Ambas as charlas serán retransmitidas por streaming e para seguilas só é preciso solicitar unha clave a través do correo electrónico participa@concellopoio.gal .

"Ofrecer á cidadanía unha visión integral sobre a Illa de Tambo e os seus grandes recursos desde o punto de vista patrimonial, histórico e turístico", é o obxectivo desta xornada que fora programada para o último trimestre do ano 2020 pero que tivo que ser aprazada pola pandemia, explicaron os concelleiros do goberno local Silvia Díaz e Gregorio Agís. 

Arquivado en