Ao longo deste mes de maio, o Concello de Poio organiza diferentes actividades para festexar o día dss nosas letras, con motivo da conmemoración do 17 de maio.
Este mércores 17 a partir das 11.00 horas celebrarase a carreira popular pola lingua. que partirá do peirao de Raxó. Os primeiros clasificados obterán como regalo un lote de libros en lingua galega, composto por un caderno e a revista A Raxeira, reeditada para conmemorar o 25 aniversario do concurso literario.
Durante este mércores, a partir das 17.30 horas, no Centro Cultural Xaime Illa Couto terá lugar a conferencia polo Día das Letras Galegas, a cargo da escritora e xornalista Montse Fajardo, autora do libro Un cesto de mazás, que recolle 16 historias sobre as mulleres represaliadas despois de 1936.
Entregaranse durante ese acto os premios do concurso literario coa lectura dunha selección de traballos gañadores. Desenvolverase unha animación musical e un recital poético, a cargo do pianista arxentino Juan Carlos Camba, que interpretará poemas de Rosalía de Castro. O acto finalizará coa interpretación do himno galego a cargo da Escola de Música Tradicional.
O venres 19 continuarán as actividades coa actuación de Avelaíña Teatro, que presentará 'A Lola' no Centro Cultural Xaime Illa. E xa o domingo 28 de maio a programación seguirá coa sesión de 'Cóntame un Conto' na que se relatará 'A Galiña Azul' de Carlos Casares, a partir das 17.30 horas. O luns 29 de maio, os actos finalizarán coa representación desta obra dirixida ao alumnado dos colexios do Concello.