A pesar de considerar "excesivas" as polémicas sancións a trece condutores que foron multados por xirar o pescozo máis de 45 graos, o Concello de Poio acordou non retiralas. A decisión será ratificada nos próximos días e supoñerá rexeitar todos os recursos que presentaron os afectados, a quen só lles quedará recorrer á vía xudicial para intentar que se suspendan estas multas de tráfico.
Tras o balbordo xerado ao coñecerse esta insólita ondada de multas, que foron postas por dous axentes da Policía Local de Poio en apenas 28 minutos, formouse unha comisión de investigación para analizar se estes axentes se extralimitaran e se as sancións se axustaban á legalidade. Despois de varios meses, conclúese que estas multas son válidas e se axustan á normativa de tráfico existente.
No goberno municipal aseguran que ningún dos informes encargados a este efecto, incluído o remitido pola Dirección Xeral de Tráfico (DGT) conclúe que as multas se poden retirar. Dende este organismo recordan a presunción de veracidade dos axentes de policía e que corresponde a eles determinar se procede ou non poñer a sanción en cuestión.