O Concello de Poio rexeita por completo participar, por activa ou por pasiva, no pacto ambiental que asinou Ence coa Xunta de Galicia e que inclúe unha partida económica para entidades sociais e culturais da comarca. Xosé Luís Martínez, concelleiro e responsable local do BNG, asegurou que se trata dunha "compra de vontades mafiosa".
"Nunca entraremos nesa dinámica porque é comprar vontades, é unha mafia", sinalou a preguntas dos xornalistas.
O edil do BNG recomendou a Ence que "garde os cartos" que pretende repartir para o seu traslado e para abandonar a súa actual ubicación na ría que "foi roubada á xente", afectando á praia de Pontevedra e a un dos bancos marisqueros "máis ricos" de toda a ría.
En todo caso, Xosé Luís Martínez recoñece que "é fácil" que as asociacións que necesitan diñeiro para organizar as súas actividades "caian na tentación" de recorrer a Ence, pero reiterou que o goberno municipal non aceptará a axuda económica da empresa.
Estas declaracións chegan despois de que desde o Partido Popular lamentasen que o Concello de forma "unilateral" rexeite formar parte da comisión que decidirá o destino do diñeiro que repartirá Ence entre estes colectivos, malia que algúns deles están nunha situación económica "moi complicada", segundo Ángel Moldes.
O portavoz do PP esixe ao goberno municipal escoite aos veciños e as asociacións de Poio antes de "deixar pasar unha ocasión como esta", porque todos eles prestan un servizo "impagable" a costa dun "gran sacrificio persoal". Con esta decisión, asegura, o Concello "quere deixalos sen unha oportunidade de financiamento por consignas de partido".