O Concello de Poio contempla nomear a Magín Froiz, falecido o pasado 10 de marzo aos 78 anos, como fillo adoptivo do municipio.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, anunciou este mércores esta iniciativa a modo de homenaxe ao empresario "polo seu espírito solidario e a súa capacidade para xerar actividade económica e riqueza no noso concello durante boa parte da súa vida".
A Xunta de Portavoces deste xoves estudará a proposta impulsada polo goberno local.
Luciano Sobral entende que "un persoeiro da categoría de Magín Froiz merece un recoñecemento que debe ser consensuado por todos os grupos da corporación municipal".
O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, anunciou que o seu grupo tamén apoia esta iniciativa e recordou que esta foi unha proposta dos populares xa no ano 2012 e tamén solicita "abrir unha vía de diálogo e consenso coa familia e coa corporación".
O seguinte paso será iniciar a tramitación do expediente para o nomeamento, que deberá ser aprobado en comisión e polo pleno da corporación.
Magín Froiz pasaría a converterse no oitavo persoeiro en ser nomeado fillo adoptivo de Poio, despois de Gonzalo Fernández de la Mora y Mon (1974), Pío Cabanillas (1997), César Otero (1986), José María Vallejo (1986), Antoine Marc Luc Machourek (1987), Adolfo Pérez Esquivel (1987 e gañador no Premio Nobel da Paz en 1980) e Benito Montero (2011).
"Magín Froiz foi un dos grandes embaixadores que tivo Poio, que sempre apostou polo produto local e que nunca dubidou en prestarse a colaborar no que fose preciso, como así o demostran as doazóns que realizou para Servizos Sociais ou na organización de diferentes eventos, sen esquecer a súa paixón polo deporte", lembra Sobral.
O alcalde tamén destaca "a humildade, profesionalidade e tesón" de Froiz, cualidades que "o levaron a fundar unha empresa que creou milleiros de postos de traballo".
Aínda que naceu en Huesca, Magín Froiz sempre mantivo un vínculo moi estreito con Poio, onde residiu ata o seu falecemento. No ano 2012 foi o pregoeiro das Festas de San Xoán. No ámbito deportivo, tamén destaca a súa paixón polo ciclismo, que serviu para dar vida ao GD Supermercados Froiz, un dos clubs punteiros de Poio.
Precisamente, o vindeiro 22 de abril celebrarase o acto de presentación do equipo, un evento suspendido no seu día polo pasamento do empresario local, e no que tamén se lle renderá unha homenaxe póstuma.