Poio negocia co Estado a apertura definitiva da illa de Tambo

Poio
08 de novembro 2020

A intención é acadar a fórmula axeitada que permita ao Concello asumir a xestión deste histórico espazo, situado en pleno corazón da ría de Pontevedra, de forma que sexa un enclave aberto á cidadanía a través dun uso racional e protexido

Illa de Tambo
Illa de Tambo /

Unha chamada do Ministerio de Defensa abriu a porta a que o Concello de Poio poida negociar co Estado central a apertura definitiva da illa de Tambo á cidadanía.

O goberno municipal confía en que esta comunicación recibida polo alcalde, Luciano Sobral, sirva para desbloquear o proceso para acadar esta demanda histórica dos veciños. Na conversa falouse da posibilidade de retomar as xestións para conseguir o cambio de titularidade da illa.

Aínda que recoñecen que pode ser un proceso longo, a apertura de Tambo é un obxectivo prioritario desde hai moito tempo para o Concello de Poio. Defensa segue a ser o titular da illa, maila que xa este espazo foi desmilitarizado e desafectado a principios deste século.

Tal e como lle trasladaron os representantes da institución estatal ao alcalde, serán agora os técnicos do ministerio os que elaboren un informe sobre o valor patrimonial da illa.

A partir de aí, a intención é acadar a fórmula axeitada que permita ao Concello asumir a xestión deste histórico espazo, situado en pleno corazón da ría de Pontevedra, de forma que sexa un enclave aberto á cidadanía a través dun uso racional e protexido.

Ata o de agora, o uso público da illa está restrinxido á realización de excursións guiadas cun número limitado de participantes.

Para tratar todas estas novidades, o Concello prevé convocar á comisión de seguimento da illa de Tambo para o vindeiro 12 de novembro, ás 19.30 horas.

"TAMBO, A ILLA SONADA"

Ao mesmo tempo, os departamentos municipais de Promoción económica e Turismo están a traballar na iniciativa "Tambo: a illa sonada", unha xornada temática que inclúe unha exposición que servirá para dar a coñecer un proxecto do arquitecto Sergio Portela.

A mostra, en cuxa posta a punto tamén colabora a Asociación Irmandade Illa de Tambo, constaría de 21 paneis informativos, a través dos cales os e as visitantes poderían ter ocasión de coñecer as características da illa, facendo un percorrido pola súa historia ata a actualidade.

A través deste proxecto, Portela tamén achega propostas para facer realidade no futuro un plan de usos para as diferentes construcións existentes en Tambo, explorando as posibilidades realizables, así como a posta en valor das súas riquezas medioambientais e patrimoniais.

A programación incluiría tamén coloquios e unha mesa redonda con historiadores, investigadores e representantes de diferentes colectivos.

Arquivado en