Poio liquida as inundacións no camiño de Cachafeiro coa ampliación da rede pluvial

Poio
12 de agosto 2024

Destináronse case 75.000 euros no proxecto con fondos procedentes do plan +Provincia da Deputación

Camiño Cachafeiro en Xuviño, Poio
Camiño Cachafeiro en Xuviño, Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio dá por resolto o problema de inundacións que viñan repetindo con choivas intensas no camiño de Cachafeiro, no lugar do Xuviño; e unha vez concluída a ampliación da rede pluvial.

Investíronse preto de 75.000 euros neste proxecto que consistiu na instalación de tubaxes con sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais e o posterior pavimentado de camiño dando continuidade ao tramo que se executou a comezos de ano no tramo de Esperón a Xuviño.

"Trátase de viais municipais moi transitados polos que ademais discorre a variante espiritual do Camiño de Santiago", sinala o alcalde, Ángel Moldes.

O investimento económico procede de fondos do plan +Provincia da Deputación, que o goberno local está a destinar a actuacións deste tipo en camiños rurais que precisan de mellora e mantemento, así como para "solucionar problemas ocasionados por execución de proxectos incompletos".