Poio lembra que acceder a Tambo sen autorización pode supoñer unha sanción económica

Poio
12 de xullo 2022

O concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, confirma que está operativo un servizo de vixía e advirte de que aquelas persoas que non respecten o distanciamento nos fondeos ou baixen aos areais expóñense a fortes sancións económicas

A Illa de Tambo
A Illa de Tambo / Mónica Patxot

O Concello de Poio traballa para poñer en marcha as visitas guiadas á Illa de Tambo, que "darán comezo en breve", afirma o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís.

Con todo, mentres iso non sucede e ao ser a única forma posible de visitar a illa polo momento, o goberno local lembra que está prohibido o acceso a Tambo sen autorización.

De feito activouse un asistema de vixilancia, que se completará cun balizamento, para delimitar a distancia mínima de 200 metros nos fondeos, polo que as persoas que non respecten a medida ou se acheguen aos areais expóñense a "fortes multas económicas", sinala o Concello.

Doutra banda o titular de Urbanismo e Promoción Económica apela á concienciación cidadá á hora de respectar unha paraxe que "por encima de todo temos que respectar e coidar, ao mesmo tempo que se consolida como un reclamo turístico".

“No Concello somos perfectamente conscientes do interese que suscita a Illa de Tambo. Por iso, traballamos para garantir un sistema de visitas que permita á cidadanía coñecer a fondo a illa, sen que iso repercuta na súa conservación", conclúe Gregorio Agís.

Arquivado en