"Quén é agresor? Que a vergoña cambie de lado". Ese será o lema da campaña que o Concello de Poio impulsará este ano con motivo do 25 de novembro, o día internacional para a eliminación das violencias contra as mulleres.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou que se trata dunha pregunta directa "que non pon o foco nas vítimas, pon o foco nos agresores", ao entender que son eles os "únicos responsables" de calquera tipo de violencia sexual e machista contra as mulleres.
Para o lema da campaña, desvelou Moldes acompañado pola concelleira de Igualdade, Natividad Torres, e a psicóloga do CIM, Lidia Fazanes, tomaron como inspiración a afirmación de Gisele Pelicot, unha vítima de violencia sexual que "é un exemplo de forza, de coraxe e de valentía”.
Todos eles lamentaron que durante anos a violencia machista e sexual "foi invisible" e que as vítimas adoitan sentir culpabilidade, vergonza ou incluso dúbidas sobre a gravidade do ocorrido "por medo a sentirse xulgadas, a ser rexeitadas".
"Necesitamos que as mulleres deixen de vivir con esa vergoña que non lles corresponde", explicou Fazanes sobre una campaña que fai referencia ao xogo popular 'Quen é quen?', transmitindo que "a realidade é tan terrible que descubrimos que calquera pode ser un agresor".
A programación deste 25N, que se estenderá ao longo dos próximos tres meses, incidirá, de xeito directo, na prevención a través das xeracións máis novas, "usando a súa linguaxe, os seus recursos e incidindo nunha problemática que seguimos sen solucionar", subliñou o alcalde.
Así, ademais do parón institucional e a lectura do manifesto o propio 25N, haberá obradoiros, talleres e actividades para a rapazada, a tradicional andaina Camiño Violeta, que unirá O Covelo e Raxó o 24 de novembro, ou proxección de documentais.
Entre as actividades formativas haberá tamén charlas sobre violencia sexual, os puntos lila, os dereitos sexuais e reprodutivos ou as desiguadades de xénero e unha conversa teatralizada que alerta sobre situacións de persuasión, insistencia ou chantaxe.