Poio iniciará en setembro o traslado do parque infantil do Paseo das Redeiras

Poio
31 de agosto 2022

Ata as proximidades da Praza da Chousa, máis preto do centro de Combarro, vaise a trasladar o parque infantil do Paseo das Redeiras. Esta actuación comenzará a facerse no mes de setembro

Terreos que ocupaba o parque do Paseo das Redeiras
Terreos que ocupaba o parque do Paseo das Redeiras / Concello de Poio

Ata as proximidades da Praza da Chousa, máis preto do centro de Combarro, vaise a trasladar o parque infantil do Paseo das Redeiras. Esta actuación comenzará a facerse no mes de setembro.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, fixo fincapé na necesidade de non demorar máis estes traballos, "en favor de mellorar a calidade de vida da veciñanza e, sobre todo, das crianzas, para que volvan dispoñer canto antes dun área de lecer que é moi utilizada".

A parcela actual, que xa está libre dos elementos de xogo, será destinada a zona de estacionamento, de uso libre, que estará totalmente integrada no espazo, sen producir impacto medioambiental. Contará ademais coa súa propia zona de esparexemento.

Para iso, precísase a autorización de Portos de Galicia, ao que o Concello de Poio reiterou a necesidade de que responda "canto antes" á petición realizada para que proceda á concesión demanial destes terreos, situados en dominio público portuario.

"Temos a man tendida a Portos para conseguir que esta actuación, moi necesaria para Combarro, poida facerse realidade no menor tempo posible", indicou o alcalde, que ofreceu a posibilidade de asinar un convenio co ente autonómico "se iso facilita o proceso".

Sexa como sexa, o goberno municipal apunta á necesidade de acelerar a tramitación, porque o proxecto xa se atopa redactado "e debemos acometelo antes de que remate o ano para non perder o orzamento reservado para acometer a actuación".