Poio inicia a tramitación para o nomeamento de Magín Froiz como Fillo Adoptivo

Poio
24 de abril 2022

O Pleno abordará na sesión ordinaria do vindeiro martes a incoación do expediente, tal e como apunta o alcalde, Luciano Sobral. O rexedor lembra que esta homenaxe foi consensuada por todos os grupos da Corporación e servirá para recoñecer a figura do histórico empresario, falecido o pasado 10 de marzo

Magín Froiz
Magín Froiz / Mónica Patxot

O Concello de Poio vén de iniciar a tramitación correspondente para impulsar o nomeamento como Fillo Adoptivo de Magín Froiz. 

O alcalde, Luciano Sobral, lembra que esta proposta foi respaldada por todos os grupos da Corporación municipal nunha Xunta de Portavoces celebrada poucos días despois do falecemento do empresario e fundador de Supermercados Froiz, cuxo pasamento tivo lugar o 10 de marzo, aos 78 anos de idade.

Sobral Fernández sinala que o nomeamento de Fillo Adoptivo "é a máis alta das distincións que contempla o noso Regulamento Municipal" e entende que "fai xustiza para recoñecer a traxectoria de Magín Froiz tanto a nivel profesional como no eido social e deportivo, nos que sempre se implicou ao cen por cen". 

Logo de que se tratase na pasada Comisión Informativa de Facenda, o Pleno deberá aprobar a proposta para a incoación do expediente. Tal e como sinala o alcalde Sobral, o documento será sometido a exposición pública durante un mes. Unha vez expirado ese período, e se non se produce ningunha alegación, o Concello estará en disposición de convocar unha sesión extraordinaria para levar a cabo este nomeamento a título póstumo. 

Desta maneira, Magín Froiz sumarase a outros persoeiros que tamén foron declarados Fillos Adoptivos de Poio, que son Gonzalo Fernández de la Mora y Mon (1974), Pío Cabanillas (1997), César Otero (1986), José María Vallejo (1986), Antoine Marc Luc Machourek (1987), Adolfo Pérez Esquivel (1987 e gañador do Premio Nobel da Paz en 1980) e Benito Montero (2011).

Maila nacer en Barbastro (Huesca), Magín Froiz Planes sempre estivo vinculado á provincia de Pontevedra, de onde era seu pai (concretamente, de Lalín). Foi na década dos 70 cando adquiriu un supermercado, onde traballou de carniceiro. Ese foi o primeiro paso dunha ampla traxectoria profesional e empresarial, que o levou a fundar o Grupo Froiz, "unha das empresas alimenticias de referencia do país", lembra Sobral. 

Neste sentido, o alcalde salienta "a capacidade de xeración de riqueza e traballo" levada a cabo por Magín Froiz, que en 1990 estableceu a sede da súa firma en Lourido.

"A súa vida sempre estivo intimamente relacionada co noso municipio, onde residiu ata o seu pasamento", apunta o alcalde, que tamén salienta o espírito colaborativo e altruísta do empresario, que o converteu a ser "un colaborador habitual" na organización de eventos ou na realización de doazóns para Servizos Sociais, sen esquecer a súa paixón polo deporte e polo ciclismo, algo que o levou a crear o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, un equipo de referencia en toda España.