As accións formativas grupales do programa Poio Impulsa están a chegar ao seu final. A iniciativa Poio Impulsa, destinada a darlle pulo aos negocios do municipio, leva en marcha dende finais do ano anterior, cando as empresas do concello foron visitadas para informalas sobre o futuro desenvolvemento da actividade.
Segundo os seus organizadores, a acollida foi moi boa, duplicando as solicitudes o número de prazas ofertadas para a primeira fase, na que os participantes terían á súa disposición un total de 140 horas en leccións formativas cun acompañamento individual ata o mes de maio.
Nunha segunda fase, iniciada en febreiro e a rentes de chegar ao seu final, os dez negocios asesorados asistiron a clases formativas grupales, nas que aprenderon sobre "Marca Persoal" e "Escaparatismo e Visual Merchandising", mentres que as de "Atención ao público e comunicación" e "Tics e Ecommerce" están por finalizar. As sesións déronse en grupos reducidos para aproveitar ao máximo os recursos e aos profesionais que as impartían. Cun carácter fundamentalmente práctico, focalizáronse nas necesidades das persoas e negocios inscritos.
A punto de rematar o primeiro ano do proxecto, os organizadores observaron un alto rendemento por parte dos participantes e do equipo docente. María Regueiro Asubía, quen imparte as sesións de "Marca Persoal e Comercial", expresou a súa satisfacción pola implicación das persoas e os obxectivos acadados para cada unha delas. Os participantes, pola súa banda, amosan entusiasmo pola formación cursada e ven como necesarias estas accións da administración local, segundo informan dende a organización.
No que ao Concello respecta, a súa intención é manter en funcionamento o programa e "seguir a traballar para impulsar ao máximo os negocios de Poio e por así o tecido empresarial e social cun programa adaptado ás necesidades reais dos negocios e das persoas que os rexentan".
O mércores 24 a partir das 21.00 horas celebrarase a terceira mesa redonda dende que Poio Impulsa comezou, co obxectivo de idear o modelo de sistema comercial a desenvolver no municipio. Ás 21.30 asistirán representantes do Concello para facer unha visita de seguimento do proxecto e dos negocios participantes.
Os resultados da reunión faranse públicos o 9 de maio, data na que terá lugar a última mesa redonda e se presentará un vídeo resumo co que se pechará este primeiro exercicio do proxecto, iniciado a finais de 2018.