Poio habilitará unha praia canina na Seca, entre o Parque da Memoria e Combarro

Poio
05 de xullo 2021

A ría de Pontevedra terá moi pronto a súa primeira praia canina. Estará situada en Poio, concretamente na Seca, segundo anunciou este luns o goberno municipal. Estará habilitada antes de que remate este mes de xullo

Praia da Seca, que será habilitada como praia canina
Praia da Seca, que será habilitada como praia canina / Concello de Poio

A ría de Pontevedra terá moi pronto a súa primeira praia canina. Estará situada en Poio, concretamente na Seca, segundo anunciou este luns o goberno municipal. Estará habilitada antes de que remate este mes de xullo.

Será un espazo para que as persoas que teñan can poidan soltar os animais, cumprindo en todo momento cunha serie de normas básicas que estarán recollidas nun bando e nos paneis que se instalarán no propio areal.

O edil de Medio Ambiente, Xosé Lois Martínez Blanco, entende que a escaseza destas praias na provincia -apenas hai media ducia delas- fará que este areal de Poio sirva tamén como reclamo turístico para o municipio.

"Cremos que se consolidará como un referente neste eido non só para a veciñanza de Poio, senón tamén para persoas doutros concellos limítrofes como Pontevedra ou Sanxenxo", indicou o edil, que explicou os motivos polos que se elixiu este areal.

Trátase dunha praia pequena, pero cunha superficie suficiente como para permitir o esparexemento dos animais, especialmente cando hai marea baixa.

Ademais, o areal está situado nas proximidades do Parque da Memoria e o casco histórico de Combarro e conta con bos accesos e prazas para o estacionamento de vehículos.

Con respecto ás normas para os usuarios, ademais de controlar os cans en todo momento, haberá que portar a documentación do animal e as mascotas non poderán entrar máis de 100 metros na costa, aínda que estea a marea baixa, para non interferir nos bancos marisqueiros.

Os cans considerados potencialmente perigosos deberán ter a boza posta en todo momento e será obrigatorio recoller os excrementos e deposicións dos animais ou, do contrario, os usuarios expoñeranse a unha multa.