O Concello de Poio deu un paso importante para a esperada construción dun novo centro de saúde no municipio, coa adquisición definitiva dos terreos nos que se habilitará a instalación sanitaria.
Segundo explica o goberno local, o pasado 30 de decembro asinouse o decreto de Alcaldía para a compra directa da parcela, en base aos informes técnicos, e este martes está prevista dar conta na Xunta de Goberno Local.
Trátase dun terreo de 39.000 metros cadrados que agora será posto ao dispor da Xunta de Galicia para a construción do centro de saúde, unha infraestrutura que foi incluída recentemente polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) no seu Plan de Infraestruturas Sanitarias da Atención Primaria, xunto a outros 36 centros sanitarios na comunidade.
Poio barallaba tres opcións como localización, pero finalmente optouse pola parcela escollida finalmente por contar con espazo suficiente para o centro de saúde e tamén para equipamentos necesarios deportivos e educativos, xa que as outras dúas posibilidades apenas contavan con 5.000 metros cadrados que darían unicamente para a instalación sanitaria.
A parcela adquirida correspóndese coa antiga canteira de Graña, situada na Coruxa, e por ela abonaranse 300.000 euros que estaban xa consignados nunha partida do remanente do ano 2022. Conta con servizos básicos, viarios e accesibilidade.
Formalizada a adquisición, os plans do Concello de Poio pasan agora por solicitar unha reunión urxente co conselleiro de Sanidade para poñerlle ao corrente da situación e acordar cal na mellor opción de localización do centro de saúde dentro desta parcela.