Poio facilitará axuda psicolóxica para adaptarse ao confinamento

Poio
31 de marzo 2020

Esta prestación telefónica do departamento de Benestar facilítase a todos os veciños que o precisen, de luns a venres en horario de mañá e tarde

Control da Policía Local de Poio durante o Estado de Alarma decretado pola pandemia do coronavirus
Control da Policía Local de Poio durante o Estado de Alarma decretado pola pandemia do coronavirus / Concello de Poio

O Concello de Poio, a través da Concellería de Benestar, habilitou un servizo de apoio psicolóxico, vía telefónica, para aquelas persoas do municipio que necesiten esta axuda para soportar o confinamento domiciliario.

Os veciños que o precisen poden chamar á Casa Rosada ao número 986 87 24 01 no que son atendidos pola psicóloga de Servizos Sociais, de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas durante a mañá e de 16.00 a 20.00 pola tarde.

A concelleira de Benestar, Rosa Fernández, sinalaba que “sabemos a dificultade que supón superar unha situación como a actual para moita xente, especialmente para aquelas que, por exemplo, teñan problemas psicolóxicos, sentan soas ou teñan ansiedade”.

Benestar segue pendente dos máis de cen maiores inscritos no programa Saudemente, con contactos telefónicos regulares. Chamadas que está previsto que tamén se fagan extensivas a maiores que participaban noutros talleres municipais.

Doutra parte, na última semana máis de cincuenta familias en risco de exclusión recibiron alimentos, algúns con entregas a domicilio e tramitáronse 23 axudas para o pago de alugueres.