O Concello de Poio anunciou este sábado que está a estudar fórmulas que lle permitan proceder á demolición dunha estrutura abandonada situada preto do poboado chabolista do Vao de Arriba e que se está a utilizar para o trapicheo e consumo de drogas.
Segundo a información facilitada polo Concello, o goberno local xa iniciou conversas cos propietarios para tratar de levar a cabo o derrubamento e vaise empeñar en executalo porque consideran que botala abaixo suporá eliminar un foco de trapicheo e de consumo de estupefacientes e, polo tanto, mellorar a seguridade na zona.
Desde o Concello enmarcan esta actuación dentro das medidas que realizan para reforzar a seguridade na contorna do poboado do Vao, entre as que tamén figuran dispositivos de vixilancia que realiza de xeito habitual a Policía Local, en colaboración coa Garda Civil.
O goberno local aproveita para lembrar que a problemática do Vao non afecta exclusivamente ao municipio, senón a toda a provincia de Pontevedra, polo que incide, unha vez máis, na necesidade de que se impliquen todas as administracións para buscar unha solución definitiva.
Desde a Subdelegación do Goberno en Pontevedra xa manifestaron reiteradamente a súa implicación na procura de maior seguridade na zona e é habitual que a Garda Civil realice actuacións.
O último incidente grave que se rexistrou no poboado produciuse o pasado 4 de maio, cando veciños da zona atacaron primeiro á Garda Civil e despois a unha patrulla da Policía Local, nun incidente no que resultaron feridos varios axentes e que o xuíz considera que foi unha emboscada.
Precisamente, os axentes da Policía Local atacados prestarán declaración o vindeiro luns 25 de maio nas dependencias da Garda Civil.
O Concello xa anunciou semanas atrás que se presenta como acusación particular no proceso xudicial aberto por este incidente, polo queestán investigadas 17 persoas, dez delas en prisión preventiva.