O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, participou este martes na inauguración do Proxecto VITA. Trátase dunha formación gratuíta pensada para persoas emprendedoras do municipio, a través da cal se busca ofrecer pautas e bases necesarias para consolidar negocios e proxectos propios.
Durante a presentación do curso, que se prolongará ata o vindeiro mes de xuño, Agís lembrou que "cada vez hai máis veciños e veciñas de Poio que apostan por emprender", de aí que sexan necesarias este tipo de iniciativas, "que redundan de xeito positivo na súa experiencia".
O edil do Goberno local tamén animou ás persoas inscritas a que resolvan calquera tipo de dúbida ou presenten propostas encamiñadas a reforzar este tipo de programas a través do departamento de Promoción Económica.
"Aspiramos tamén á creación dunha rede de emprendedores e emprendedoras a nivel municipal, que sempre pode resultar útil para a xente en busca de emprego", engade o concelleiro.
O curso alternará sesións presenciais e telemáticas e estará impartido por Carla d’Pont doutora en Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo, que conta cunha ampla experiencia internacional en comunicación e ventas. Ademais, participou activamente en comunidades de mulleres impartindo formación sobre negocios dixitais e marca persoal.
O programa dividirase en diferentes fases, como son a implantación das bases do negocio online e a creación dunha marca, ou a resolución de dúbidas sobre o negocio de marca persoal mediante a creación de redes e conexións profesionais.