O goberno municipal de Poio manterá a próxima semana unha xuntanza cos responsables territoriais de Abanca para abordar con eles o recorte dos servizos que a entidade bancaria presta actualmente no municipio.
Nese encontro, o Concello esixirá que se manteñan operativas todas as sucursais das que Abanca dispón en Poio, especialmente a de Campelo, que o banco quere pechar en setembro, trasladando todo o servizo a Combarro.
Ademais, pediranlle que instalen un caixeiro automático en Raxó, un servizo do que a veciñanza carece desde o peche da oficina hai máis dun lustro.
Con respecto ao futuro da oficina de Campelo, o Concello convocou a todo o tecido asociativo de San Xoán para abordar esta problemática. Esta zona do municipio quedaría só con un caixeiro automático e sen atención ao público. Será a partir das 20.00 horas, no local sociocultural de Campelo.
A reunión terá lugar un día despois do pleno convocado para o xoves, ás 19.30 horas, no que, entre outros temas, prevese a aprobación dunha moción impulsada desde o goberno municipal na que se postula en contra da medida tomada de xeito unilateral por Abanca.
En caso de que esta decisión continúe adiante, o Concello aposta pola cancelación das súas contas nesta entidade. Precisamente, un dos temas a tratar na reunión do venres será animar ao tecido asociativo a que tamén se sume a esta medida.