O entroido máis longo da comarca, o de Poio, non chegou aínda ao seu fin pero si se aproxima despois de despedir este sábado o Galo Fodorico.
A popular figura, disfrazada de albanel para lembrar a necesidade de construír un novo centro de saúde no municipio, foi pasto das chamas na Praza do Mosteiro seguindo a testemuña do enterro do Berberecho de Lourido celebrado o venres.
A comitiva fúnebre, integrada entre outros polas comparsas de Os Canecos, As Sonecas, Os 100Tolos e Os da Caña e polo Grupo Samieira, partiu ás 20:30 horas das inmediacións da antiga escola unitaria do Sartal.
Tras o Galo Fodorico Poio entra na recta final do seu entroido, que aínda reserva citas destacadas como o Enterro do Galo Bruxo de Samieira do próximo sábado 14 de marzo e o Concurso de Comparsas e Grupos de Fantasía de Campelo previsto para o domingo día 15.