A reunión que manterá a próxima semana o Concello de Poio co departamento de Costas do Estado, para avanzar no proceso para conseguir a apertura da Illa de Tambo, motivou a reunión da Comisión de Seguimento municipal sobre este asunto.
Na reunión telemática participaron o presidente da comisión, Gregorio Agís, os concelleiros Silvia Díaz e Xulio Barreiro e representantes dos diferentes colectivos locais, aos que se lles puxo ao día das novidades no proceso para recuperar a illa, que continúa pertencendo ao Ministerio de Defensa a pesar da súa desmilitarización no ano 2002.
A cita con Costas terá lugar, avanza o Concello, o vindeiro mércores 18 de novembro, e os dirixentes municipais confían en que sirva para definir os seguintes pasos no proceso.
Neste sentido, desde Poio defenden que a transferencia da titularidade da illa "debe levarse a cabo cun mínimo de garantías sobre cuestións como a protección".
Ademais, destacan á boa predisposición mostrada por outras institucións como a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia porque "a colaboración do resto de institucións tamén é importante”, sinalaron desde o goberno local ao termo da comisión.