"Repensar a historia do turismo en España no primeiro terzo do século XX". Este é, como sinala o profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Rafael Vallejo, o obxectivo principal do I Congreso da Historia do Turismo, que desde este martes reúne no Mosteiro de San Xoán de Poio a expertos de 18 universidades co propósito de arroxar luz sobre a historia deste sector nunha época, recoñece, pouco estudada ata o de agora.
Unha época na que España é xa "un país emerxente no mercado turístico mundial", como amosan as comparativas que, partindo dos datos da Sociedade de Nacións, Vallejo presentou nesta primeira xornada e que a sitúan como o noveno país do mundo en ingresos xerados polo turismo receptor en 1933.
Inserido nun proxecto de investigación do grupo Turhis, coordinado polo investigador da Universidade de Granada Carlos Larrinaga, que ten como obxectivo analizar a historia do turismo en España ao longo do século XX, o congreso que ata este xoves reúne en Poio a expertos en historia, economía, xeografía ou antropoloxía busca afondar nas investigacións máis recentes que se están a desenvolver ao abeiro deste proxecto financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad.
Son estudos que deron pé a esas comparativas coa situación internacional adiantadas por Vallejo, que en 1931 sitúan a España como o décimo terceiro país do mundo en ingresos turísticos, de 12,4 millóns de dólares, nunha listaxe que lideran Canadá e Francia, con ingresos por riba dos 200 millóns. Dous anos máis tarde, "nun momento de aparente crise mundial", España situaríase xa no noveno posto, cuns ingresos de 325 millóns de francos, nunha clasificación que comanda Francia con preto de 3000 millóns.
Xunto a Vallejo e Larrinaga, o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, o deputado provincial Santos Hector e o concelleiro de Turismo de Poio, Xosé Luis Martínez, participaron no acto de apertura dunhas xornadas que contan tamén coa colaboración da agrupación estratéxica da Universidade Ecobas e reúnen os relatorios de 24 expertos, dirixidos a afondar "desde distintos prismas" nun fenómeno que, como lembrou Corbacho, xerou o ano pasado máis de 80.000 empregos e que supón máis do 11% do PIB do país.