Poio dá a coñecer ás cinco gañadoras do concurso de tarxetas de Nadal

Poio
21 de novembro 2022

O Consello Municipal de Cultura elixiu o deseño realizado por Emma Sabarís, da parroquia de San Xoán, para editar a felicitación institucional das festas  

Reunión do xurado de cerame de tarxetas de Nadal do Concello de Poio
Reunión do xurado de cerame de tarxetas de Nadal do Concello de Poio / Concello de Poio

O Consello Municipal de Cultura, presidido pola edil responsable da área, Raquel Rodríguez, e formado por integrantes da Corporación e de diferentes colectivos locais de Poio reuniuse o 16 de novembro para analizar todos os deseños presentados pola mocidade de Poio nunha nova edición do Concurso de Tarxetas de Nadal. Rodríguez Alonso agradeceu a implicación dos participantes nun certame “plenamente consolidado no noso concello” e que está dirixido a persoas menores de 18 anos.

Ademais de elixir ás cinco gañadoras, os membros do xurado tamén procederon a seleccionar a tarxeta que será utilizada polo Concello de Poio para editar a súa felicitación institucional de Nadal. A vencedora foi a presentada por Emma Sabarís, da parroquia de San Xoán.

As outras tarxetas que obtiveron unha maior puntuación foron as de Sofía Abal (San Salvador), Paula Paz (Combarro) , Paula Portela (Samieira) e Mabel Castro (Raxó). As autoras destas postais recibirán un premio en metálico de 60 euros, ademais dun xogo de mesa educativo a modo de agasallo. O Concello fará entrega destes premios durante un dos actos da programación de Nadal, que dará comezo no mes de decembro e que será presentada proximamente.

Raquel Rodríguez quixo expresar o seu agradecemento a todas as nenas e nenos que tomaron parte nesta nova edición do concurso e destacou a alta calidade dos traballos presentados. Por último, a responsable da Concellería de Cultura e Educación tamén quixo salientar a implicación dos colectivos que forman parte do Consello Municipal da Cultura, entre os que se atopan a Asociación de Veciños Boureante, Asociación Cultural Vides Novas, o Ateneo Corredoira de Combarro,a Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) de Raxó e a SCD de Samieira.