Poio continúa co proxecto de dotación de fibra óptica a todo o municipio

Poio
28 de agosto 2020

A concelleira de Servizos Municipais e Obras, Chelo Bicada,  replica as críticas do PP porque "obvian o traballo e xestións que estamos a facer"

Combarro, Poio
Combarro, Poio

O goberno local de Poioresponde á moción que esta semana presentaba o grupo popular instando a que o Concello ofreza unha cobertura da internet de calidade a todo o municipio. "O Concello facilita, dentro das súas posibilidades, as tramitacións administrativas e xestións necesarias para que a empresa Telefónica continúe avanzando no plan de despregamento deseñado para dotar ás parroquias dunha rede de acceso de nova xeración, a través de fibra óptica", expoñen.

Desde 2015, cando a firma presentaba ese plan, a día de hoxe segundo o Concello, a fibra chega ao 70% do municipio. E de acordo ás previsións presentadas o pasado xuño, espera engadir a este servizo a unhas 320 vivendas. En canto aos prazos, o compromiso de Telefónica co Estado é dar cobertura ao territorio nacional antes de concluír 2021; "nós queremos que en Poio, o 30% pendente cúbrase antes, pero o servizo dáo unha empresa privada que se rexe por motivos económicos".

Substitución do programa Vacacións en paz

Por outra banda, o Concello asinou un convenio coa Sociedade Galega no Pobo Saharauí, promotora do programa Vacacións en Paz, para compensar a imposibilidade de acoller a nenos do Sahara durante o verán. Desta forma, en lugar desas convivencias temporais, vai destinar a achega económica ao Proxecto de Urxencia Alimentaria nos Campamentos de Refuxiados.

Así, preto de 900 euros destinaranse á contención da COVID19 e a apoiar medidas que eviten a deterioración humanitaria. O alcalde, Luciano Sobral, sinalaba que "aínda que este ano, por desgraza, os nenos do Sahara non poidan gozar dun verán con familias do noso concello, temos a responsabilidade de facerlles chegar a nosa solidariedade e cooperación".