Poio contará cunha unidade de atención temperá na Casa Rosada

Poio
29 de outubro 2024
Actualizado: 20:09

A conselleira de Política Social visitou este martes a Casa Rosada, que acollerá a primeira unidade de atención temperá de Poio

Visita á Casa Rosada da conselleira de Política Social, Fabiola García
Visita á Casa Rosada da conselleira de Política Social, Fabiola García / Xunta de Galicia

A Casa Rosada de Poio contará cunha nova unidade de atención temperá, a primeira que terá o municipio.

Así o avanzou nunha visita ás instalacións a conselleira de Política Social, Fabiola García.

Esta unidade prestará atención a nenos de até 6 anos para previr e actuar ante problemas de desenvolvemento.

Esta visita chega tras a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución dunha nova orde de axudas para a creación de unidades de atención temperá, dotada en total con 15,8 millóns de euros e cofinanciada polo programa FSE+ Galicia 2021-2027.

No que respecta ao Concello de Poio contará cunha axuda de 266.200 euros para a posta en marcha do servizo na Casa Rosada.

Ademais a Xunta de Galicia abrirá outras cinco unidades similares en Rianxo, Gondomar e nas agrupacións de municipios de Rois, Padrón, Dodro, Valga e Pontecesures; Miño, Pontedeume e Vilarmaior, e na Pobra de Trives e San Xoán de Río.

Acompañada do alcalde de Poio, Ángel Moldes, e da directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, Fabiola García defendeu que no ano 2009 Galicia contaba con tan só dúas unidades que daban cobertura a 15 municipios.

En comparación 2024 finalizará con 51 unidades abertas que atenderán a máis de 200 concellos e 5.000 familias.